¡Hola! Utilizamos cookies propias y de terceros para analizar el uso de esta web y mejorar tu experiencia de navegación. Al continuar navegando entendemos que aceptas nuestra política de cookies.    Saber máis - Aceptar.
Entrevista con Celso Gándara, presidente de Foroesgal

Conversamos co presidente do Foro Pola Economía Social Galega, Celso Gándara

Por algún motivo no se a completado la carga del separador, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar

 

  • A Economía Social medra grazas ao seu potencial, ás súas alianzas e á existencia dun tecido cohesionado con obxectivos comúns
  • Celso Gándara considera que consolidouse un ecosistema da economía social no que colaboran e intercooperan administracións, o sector, as universidades, etc.

Que é o Foro Pola Economía Social Galega (FOROESGAL)?

O Foro é unha organización que non deixa de ser un instrumento que crearon as principais organizacións representativas das empresas de economía social para visibilizar ao sector da economía social e poder realizar, dunha maneira conxunta, a incidencia política necesaria para defender os intereses do sector ,e dalo a coñecer a algúns axentes económicos e sociais que vivían un pouco alleos a esta realidade. Outro obxectivo é o de potenciar o sector, é dicir, axudalo a crecer a través do fomento de determinadas políticas que poidan contribuír ao desenvolvemento do mesmo.

Falemos dos puntos fortes da Economía Social galega

O primeiro punto forte da Economía Social galega é que está cohesionada. O grao de cohesión, o grao de cooperación, entre as distintas organizacións representativas das empresas de economía social está a ser moi alto e iso está dando os seus froitos e irá permeando. Vaticino que nos vindeiros anos se irán producindo numerosas alianzas entre as diferentes empresas que conforman a economía social, será algo que se irá contaxiando. Eu destacaría ese elemento, a nosa capacidade de xeración de alianzas. Estamos sendo capaces tamén de seducir e xerar complicidades, non só cos principais axentes económicos e sociais galegos senón tamén co resto dos territorios do estado. Estas alianzas son craves porque, un dos obxectivos fundamentais que temos é que se produza un desenvolvemento do sector, un crecemento do sector; e este crecemento só será posible desde o desenvolvemento deste tipo de complicidades e alianzas e xeración de proxectos conxuntos.

En segundo lugar destacaría a capacidade que ten a economía social galega de xerar cohesión social e cohesión territorial. Temos unha boa conxunción entre empresas tractoras e empresas mais pequenas dentro das diferentes familias da Economía Social. Polo tanto, a capacidade de xerar cohesión social e cohesión territorial é unha fortaleza que temos como sector. Entre as empresas que poñen o foco máis na parte social e as empresas que poñen máis o foco no desenvolvemento territorial creo que existe un potente equilibrio.

E en terceiro lugar destacaría a potencialidade que ten. A sociedade galega ten unha capacidade de despregar un potencial que veremos se somos capaces de facelo. Pero ese potencial existe porque existen numerosos sectores onde temos presencia, e se pode consolidar unha maior presencia. Sectores maduros como é o agroalimentario, os servizos, como pode ser tamén unha parte das industrias culturais, a educación, os servizos sociais. E iso se combina con sectores que poden ter un percorrido máis amplo como poden ser os ligados á xestión de residuos, vinculados ao agroalimentario na súa parte máis ecolóxica, por exemplo en temas que teñen que ver coas industrias culturais, coa economía dos coidados, sectores que poden chegar a despregarse e xerar emprego dunha maneira significativa.

Estes son, ao meu xuízo os tres elementos: unha parte de identidade, xeración de complicidades e as alianzas. En segundo lugar, a capacidade real, que xa existe, de cohesionar social e territorialmente Galicia. E en terceiro lugar, a capacidade e a potencialidade de despregar crecemento para os próximos anos.

Por que apostar polas fórmulas de economía social para emprender?

As principais fórmulas de emprendemento da economía social son as cooperativas e as sociedades laborais. Ámbalas dúas teñen unha filosofía detrás, que é a filosofía da economía social, que en moitos casos pode ser moi coherente coa filosofía empresarial coa que moitos emprendedores queren dotar a actividade económica que queren realizar.

Desa maneira, cando eses emprendedores queren identificar unha serie de atributos cos seus bens e servizos que teñen que ver coa solidariedade, coa igualdade, coa xeración e distribución de riqueza, con ser sensibles coa comunidade á que pertencen... Pois as nosas formulas da economía social están pensadas para iso e naceron diso. Entón é unha boa maridaxe.

Despois teñen un réxime económico-fiscal e de incentivos que tamén é atractivo para estes emprendedores.

E en terceiro lugar, eu diría que se un emprendedor está pensando en emprender en colectivo é certo que as fórmulas xurídicas da cooperativa e da sociedade laboral lle vai a axudar a xestionar a colectividade porque están pensadas como organizacións colectivas. Esa forma xurídica vai poder permitir un maior desenvolvemento e axudarte nun crecemento desa iniciativa empresarial.

Que supón para Foroesgal que esta ano Santiago sexa capital española da Economía social?

Desde o meu punto de vista, o recoñecemento de Santiago como capital da economía social, o maior resultado que está dando é a construción de identidade como sector, a xeración de confianza en nós mesmos, a capacidade de poder mostrar a todo o estado o que está facendo a economía social galega e o que pode facer, e que estamos perfectamente alienados co que se fai noutros territorios incluso nalgúns ámbitos, cun nivel de desenvolvemento superior. Polo tanto, esa parte de confianza en nós mesmos, de consciencia do que somos, de valoración de nós mesmos, do que estamos traballando, penso que é un dos principais froitos que pode ter este recoñecemento.

Tamén destacaría a consolidación dun ecosistema da economía social formado polas diferentes administracións, o sector, as universidades... onde no conxunto de actividades que se están realizando, e nas que se van realizar no que queda de ano, estamos intercooperando e colaborando. A consolidación deste ecosistema creo que é unha panca vital para o afrontamento de proxectos conxuntos. Esas diría que son as dúas consecuencias principais que pode ter este recoñecemento de Santiago Capital Española da Economía Social.

Como se presenta o futuro da economía social?

Tocounos vivir unhas épocas nos últimos anos: pandemias, volcáns e guerras; onde cada vez parece máis complexo intuír o futuro que se nos presenta. Os niveis de incerteza na economía son moi altos e faise difícil visualizar pero neste contexto, polo menos, Foroesgal ten posto o seu punto de mira no maior aproveitamento posible dos fondos e dos mecanismos de recuperación e resiliencia e dos fondos europeos no horizonte 23-27. Temos que ser capaces de captar os fondos necesarios para a abordaxe do crecemento da economía social en determinados sectores que antes comentei. Este é un dos dos nortes que como sector temos.

Na liña disto, necesitamos o recoñecemento político e a interlocución política necesaria para lograr un compromiso dun gran pacto pola economía social galega, onde realmente fagamos efectivo o aproveitamento destes fondos para que haxa determinados sectores que sexan os sectores con efectos e presencia importante da economía social galega. Polo tanto, maior peso destes sectores e ese ecosistema forte e esas alianzas fortes para logralo, creo que ese é o futuro que nós estamos desexando.

Por algún motivo no se a completado la carga del separador, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar
Contidos relacionados
Por algún motivo no se a completado la carga del carrusel, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar